29 de dezembro de 2012

"Sen Parque, Corrubedo estaría urbanizado de punta a punta"


Ademais das posturas dun político e dun veciño da zona, pareceunos de interese entrevistar o catedrático de Xeografía Física da USC, Augusto Pérez Alberti, que no seu día formou parte da Xunta Rectora do Parque Natural e que ten unha visión máis obxectiva pero de interese sobre este tipo de espazos.
Augusto Pérez Alberti

Que problemas houbo a hora de elaborar os plans para a protección do Parque Natural de Corrubedo con respecto os veciños?
Eu coñezo Corrubedo, pero non desde o punto de vista dos problemas que trouxo entre a sociedade local. De todas formas penso que en tódolos lugares onde se implanta un espazo natural pola perda de dereitos sobre as terras causa problema, pero o mesmo tempo vense beneficiados. No caso de Corrubedo, por exemplo, aínda que non fora Parque Natural por cuestións lexislativas non poderían construír en calquera sitio. Iso si, no Parque Natural a normativa é máis restritiva.  Neste espazo, por exemplo, hai subvencións para a construción de muros, para adaptar as casas a unhas a características …

A xente sentiuse enganada polo que en principio os ía beneficiar, pero á hora da verdade víronse limitados para manter as súas terras limpas, provocando así a obstrución dos regos e a desecación das lagoas. Que opina?
Aí si que hai un conflito, creo que nese caso se poden referir a lagoa de Vixán. Aí hai un dilema sen resolver porque mentres uns opinan que se debe limpar a lagoa para que siga funcionando como tal, outros defenden deixar que actúe a dinámica natural e quede unha zona húmida e a lagoa desapareza. Eu, persoalmente creo que debe seguir unha dinámica natural, pero non é menos certo que os veciños antes cortaban o carrizo porque lles fai falta para outras actividades, pero hoxe en día dubido que agora lle interese a alguén limpar iso.
Realmente penso que o único que lles molestou os veciños foi non poder utilizar os solares do parque para construír, non hai que esquecer que a zona do Vilar é un lugar apetecible para facer urbanizacións.

Moitos veciños pensan que o Parque os prexudicou a eles e motivou a chegada de xente de fora a visitar o Parque. Que cre?
Realmente penso que si os beneficia, a xente que se despraza alí busca onde comer e deixa diñeiro na zona. Ademais, insisto, cando estaba alí había axudas, non sei neste momento pola crise na que estamos... Penso, que é certo, a xente pode sentirse defraudada, pero tamén penso que non hai unhas políticas da administración adecuadas, eles mesmos non cren nisto.
No meu caso concreto, podo dicir, que no goberno do bipartito nos reuníamos cada seis meses, no goberno vixente,  non sucedeu nunca. Non hai unha política ambiental realmente preocupada no tema.

Entón non hai unha política activa?
Non o creo, non actúan como deberían. Porén, Corrubedo si que se viu beneficiado, coma todos os Parques Naturais españois, directa ou indirectamente. Perde porque non se pode construír, pero gaña porque se crea unha marca, “Corrubedo” , a xente vai alí. Fai 20 anos alí non ía ninguén.

Pero a chegada masiva de turistas non degrada  a duna?, sobre todo antes que se podía subir a ela?
Claro que degrada a duna, pero podes atraer moitas actividades de tipo ambiental, hai tres praias … pero tampouco se di que aquí se permiten cousas que noutros lugares non; no medio do Parque hai unha canteira, o cal non é nada positivo para o espazo. E no entorno do Parque está a zona de Couso que está moi degradada por piscifactorías. Penso que non hai unha planificación racional do sistema.

Tanto funcionarios como veciños pensan que o Parque está dividido entre as dunas e as lagoas e a proposta era construír pasarelas por dentro para facer rutas de sendeirismo, como ve isto?
Facer un enlace directo sería prexudicar a marisma. Poderíase facer un paseo polo borde pero nunca polo medio, xa que costaría moito diñeiro e sería un forte impacto para a zona. Polo borde si que podería ser positivo xa que se aproveitarían camiños xa existentes e só e cuestións de limpalos.
É complicado, había que combinar unha boa xestión con conservación. Pero o tema dos veciños e máis complexo, porque eles poden seguir cultivando, eu creo que, aínda que eles non o digan, o que querían é que as súas terras fosen solares.
Por outra parte, tamén creo que hai zonas edificadas que están no limite do Parque e, tendo en conta o manto eólico, deberíase manter máis distancia.

Outra queixa dos veciños é que se repoboou a zona con animais, como o xabarís e que isto afectou gravemente os cultivos...
Iso é unha lenda urbana, hoxe en día xabarís hai moitos, dubido moito que os botaran alí. Pero aínda si, se sucede algún imprevisto, os veciños reciben subvencións para os danos ocasionados.

Entón pensa que está ben protexer pero que falla a xestión?
Créanse Parques pero non se cre nisto. De todas formas, sigo defendendo, que a creación de Parques Naturais é beneficiosa para as zonas nas que se fai, especialmente nas zonas máis deprimidas.

Como ve este espazo dentro de 50 anos?
Se non fose Parque xa estaría totalmente degradado, xa non existiría. Sen Parque, as casas estarían na beira da duna, estaría urbanizado de punta a punta.

E vós, que credes deste outro punto de vista?

Por;

Begoña Pose

Aníbal Mejuto

Adriana Rodríguez 

Manuel Ramiro López

.

2 comentários:

  1. Ben, como se lle ve o plumeiro a este señor. Como se nota que non sabe do que fala, e como se nota que él si recibiu fondos do parque. Se realmente lle interesara algo o parque (a natureza, os animais, a ecoloxía...), non pensaría asi. non fai mais que decir que os veciños estan mal porque non poden construir. iso só está na mente dun especulador. Que mire cantas solicitudes de construccion houbo no parque desde que foi constituido....TODAS, de señoritos de fora, ningunha dos veciños. E...onde estan as subvencions para construccionds de muros?, no peto dalgun politico que se saiba....

    ResponderEliminar
  2. BE-GO, BE-GO, BE-GO!!! INSTITUCIÓN SE-RIA! BE-GO BE-GO BE-GO!!

    ResponderEliminar