22 de novembro de 2012

O debate até hoxe en Erysan


Desde que recentemente iniciamos a nosa andaina como grupo de investigación sobre a problemática social nos espazos de Corrubedo e O Careón, tomamos a decisión de que o noso espazo máis representativo, o noso blogue, debería  acoller o diálogo e a máxima participación dos internautas. Para isto, establecemos unha caixa de diálogo e permitimos comentar de xeito anónimo en cada entrada. O noso twitter é unha ferramenta no eido das redes sociais que nos permite facer chegar o debate cada día máis lonxe.

No noso espazo “Falemos” acontece até o día de hoxe o debate entre internautas máis vivo. Tivemos a sorte de atopar opinións variadas, algunhas totalmente contrapostas, e  en moitos casos de xente que asegurou, manténdose no anonimato, ser unha persoa afectada polo tema.

Ben é certo que Corrubedo levou até hoxe gran parte do protagonismo dentro dos dous espazos dos que falamos, mais nisto cómpre ter en conta varios feitos. Por unha parte, trátase do espazo natural máis visitado da Galiza (case 300.000 visitantes nos 9 primeiros meses de 2012, segundo a Consellaría de Medio Ambiente, procedentes sobre todo desde o conxunto do estado español). Por outra banda, a súa controversia social é perpetuamente maior, como teñen reflectido diversos artigos na prensa  galega e española. O diario español El País lanzaba en setembro de 2010 un rotundo titular “Corrubedo quere construír”, no que relataba a contraposición entre os veciños de sempre que querían e as necesidades de protexer o complexo, isto viña a que nesa época o conselleiro de Medio Rural promoveu unha liberalización nos trámites construtivos, coincidindo cunha época na que, no cambio de goberno da Xunta, se cancelaran os plans de ampliación do parque natural, xurdindo opinións a favor e en contra naquela época. A controversia social foi prolongada, aparecendo na prensa varias veces artigos relacionados, e continúa até hoxe en día, polo tema da construción, pero especialmente pola aparición en escena a posibilidade de estabelecerense piscifactorías no entorno de Corrubedo.

Nos comentarios que fomos recibindo no noso espazo “Falemos!” aconteceu un pequeno debate. Todo comezou cando un visitante se preguntaba por que na Galiza había poucos espazos protexidos, alegando á demanda popular crecente de protección do monte Pindo, en especial. A partir de aí, diversas persoas interviron, criticando as normas que impedían construír e, nalgún caso, mesmo manifestando que construír en zonas como o Pindo sería positivo dada a coxuntura económica, xa que favorecería o desenvolvemento; posición que foi duramente criticada por outros participantes do debate, predominando, en resumo, a opinión de que é necesario protexer e construír é impertinente . O debate continúa; nos últimos días un último participante fixo unha chamada ao consenso e a participación veciñal.

Animamos a todos os lectores a que participen e opinen neste debate, vivan onde vivan, e gostariamos de saber máis da opinión da xente, de Corrubedo mais tamén do Careón. Imos falar con veciños, con xente da administración, mais queremos saber a opinión de todos vós!.
 Manuel Ramiro López

Piscifactoría en Corrubedo?


Un dos principais acontecementos que ocorren nas costas galegas, a día de hoxe, é a implantación de piscifactorías, pero nalgúns casos habería que preguntarse se o emprazamento escollido polas institucións é o mais adecuado e respectuoso co medio.
Este caso ten unha importante relevancia no ámbito do Parque Natural de Corrubedo, no cal, no ano 2007 se pretendía situar o seu carón unha piscifactoría que ocuparía uns 308.000 m²   e que acabaría lindando co mesmo complexo húmido. Esta cuestión suscitou unha importante problemática no eido veciñal, así como en diferentes grupos ecoloxistas e asociacións como mariñeiras, aínda que non sempre buscando unha maior protección do parque, senón que mentres un colectivo defendía a biodiversidade e morfoloxía do complexo, outros buscaban os seus propios intereses.
Neste ano o tema volve os medios, xa que a Xunta, mediante o Plan Director de Acuicultura Litoral, matiza neste tema e deixa clara a posibilidade de construción das piscifactorías a pesar da protección dos espazos. Veciños e ecoloxistas quéixanse desta medida porque o ven como un “ataque” á costa a favor da produción de peixe. Neste momento, O Tribunal Superior de Xustiza Galego, da pé a que calquera colectivo defenda os espazos protexidos en contra de empresas e do propio goberno. Así tamén destacar a postura do Secretario Xeral de Adega que trata a insustentabilidade deste tipo de industria porque recorta o turismo e pode destruír postos de traballo.
E vostede que opina sobre a implantación de piscifactorías en espazos coma este? como ve un emprazamento así en medio século?
http://praza.com/movementos-sociais/266/a-xustiza-cuestiona-o-plan-da-xunta-de-permitir-a-instalacion-de-piscifactorias-en-espazos-protexidos/

http://elpais.com/diario/2007/11/05/galicia/1194261489_850215.html

Adriana Rodríguez

Begoña Pose

19 de novembro de 2012

O custo das infraestruturas

Cartel da autovía A-54
 
En pleno século XXI, a construción dunha autoestrada é vital para a comunicación entre 2 cidades, como é o caso da futura A-54, entre as cidades de Lugo e Santiago.

O problema desta nova infraestrutura ven, porque no proxecto definitivo, pasará polo espazo natural denominado como LIC,da Serra do Careón entre os concellos de Melide e Palas de Rei. O proxecto para a autovía tiña inicialmente tres corredores, dos que se escolleu o que discorre case paralelo á nacional 547, a máis ao Sur. A elección deste trazado produciuse despois de varias reunións entre a Xunta e Fomento para tentar minimizar o impacto da estrada no Careón.

A situación é especialmente preocupante tendo en conta que o Careón alberga especies botánicas únicas no mundo como son os exemplares de Armeria merinoi, Leucanthemum gallaecicum e Santolina melidensis, todas elas incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como "en perigo de extinción".

Apertura das obras da A-54
Varios colectivos ecoloxistas, veñen de denunciar o proxecto desta obra ós poderes políticos na súa pouca implicación coa natureza.

A resposta da Xunta de Galiza deixou evidente que o proxecto non se ía cambiar e que a afección ía ser mínima, defendendo a construción de ate 3 viadutos para non interferir nos diferentes cursos fluviais.

O Ministerio de Fomento, na súa declaración de impacto ambiental, describe as medidas que se levaran a cabo antes, durante e unha vez finalizada a autoestrada. Como a participación dun equipo especializado que inspeccionara a zona en busca de especies en perigo con dificultade de movemento, todas as medidas posibles para evitar a contaminación das augas ou cando estea finalizada a limitación da velocidade.

Tal e como indica o BOE, o proxecto terá que respectar as medidas correctoras impostas na Declaración de Impacto Ambiental favorable, que conta co apoio da consellería de Medio Rural tras constatar "un impacto mínimo no LIC".

A pesar de todas estas precaucións, a Federación Ecoloxista Galega (FEG) alerta de que o LIC quedará dividido en dous, illando a especies únicas no mundo.

Ante todo isto, temos que evaluar as 2 posicións, por un lado a protección do medio ambiente e por outra a mellora ou a construción dunha infraestrutura vital para a vertebración do interior da Galiza.

Enlaces acerca disto;

http://www.magrama.gob.es/es/prensa/ultimas-noticias/notas-de-prensa-din.aspx?tcm=tcm:7-54677-16
http://elpais.com/diario/2010/08/25/galicia/1282731490_850215.html
http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-galicia/gh/serra-do-careon-ameazada-pola-54/idEdicion-2010-10-23/idNoticia-603229/

Por; Mateo Varela e Aníbal Mejuto

3 de novembro de 2012

Parque Natural Dunas de Corrubedo e Lagoas de Vixán e Carregal


Gran Duna


No concello de Ribeira, no extremo occidental do litoral da Península do Barbanza, atópase o Parque Natural de Corrubedo (declarado en 1992), de aproximadamente 996,25ha, o cal se atopa composto por un complexo
dunar, onde se localiza a única Duna móbil de Galicia, cunha altura de 20 metros, froito da acción combinada do mar e do vento; e dúas lagoa, unha de auga doce en Vixán, característica dado a súa creación a partir do peche de una frecha litoral e outra máis salgada, a Lagoa de Carregal que mantén contacto mariño, pero non pola súa morfoloxía foron protexidas senón que nestes casos, tiveron moita importancia a flora e fauna local.
Lagoa de Carregal

Este Parque, atópase nunha zona declarada como LIC (Lugar de Interese Comunitario) dende 2001, cunha superficie que ascende a 9263ha. E con posterioridade, foronselle engadindo outros elementos de protección como a ZEPA (
Zona de Especial Protección de Aves) e a ZEPVN (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais)
 
Lagoa de Vixán

Pero chegados a este punto, habería que preguntarse se con tal protección deste espazo se conseguiu un verdadeiro ente protexido, ou se pola contra se creou un foco de atracción turística con case 300000 visitantes anuais, que xerou unha nova problemática?



http://www.vivelanaturaleza.com/parques_naturales/Corrubedo.php



Por: Begoña Pose e Adriana Rodríguez


LIC Serra do Careón


A Serra do Careón, cunha extensión de 6567,87 ha, pertence na súa maior parte á comarca de Terra de Melide, con pequenas áreas dos concellos de Palas de Rei e Friol.

Esta serra pertence á Dorsal Galega, e é un pequeno cordal montañoso de perfil en chanzos e amesetado e relevos suaves, que está cuberto por extensas áreas de matogueira. O seu rango altitudinal vai dende os 320 aos 798 m, cunha media duns 550m.

O Río Furelos, xunto con numerosos afluentes da súa cabeceira, presenta unha baixa sinuosidade e un caudal considerábel (media anual de 6.36 mᶟ/seg).

Desde este río esténdese, sobre todo cara o sueste de Melide, unha ampla chaira de nivel aquitaniano. Esta chaira sitúase sobre un substrato pétreo de gran dureza, responsábel desta morfoloxía chá.

A singularidade da área reside na súa litoloxía, que constitúe o afloramento de rochas ultrabásicas máis extenso do noroeste ibérico.

Parte desta área foi incluída polo Instituto Geológico y Minero de España no rexistro de Puntos de Interese Xeolóxico a causa do seu particular rochedo.

O efecto tóxico producido nos solos pola elevada concentración de metais pesados das rochas ultrabásicas, entre outras causas, foi un factor moi selectivo sobre a vexetación, fomentando a especialización e determinando que a área sexa un dos centros de endemicidade máis importantes da Península.

Así, o LIC posúe unha excepcional relevancia no ámbito galego polo gran número de endemismos serpentinícolas e taxons raros no país galego e por albergar algunhas plantas que, á parte de seren endemismos estritos desta zona, encóntranse claramente ameazadas a escala estatal, como é o caso de
Armeria merinoi, Santolina melidensis e Leucanthemum gallaecicum, as dúas primeiras en perigo crítico de extinción.

A creación deste elemento de protección supuxo tanto unha limitación de usos para os veciños afectados como unha maior conservación desta importante zona. Compensa protexer este espazo en detrimento dunha maior diversidade de usos?

http://www.turgalicia.es/ficha-recurso?cod_rec=16855

Por: Manuel Ramiro López e Anibal Mejuto