18 de janeiro de 2013

E tras a nosa investigación estes meses …

Despois deste tempo de pescudas e de observación in situ podemos facer un breve resumo sobre o que descubrimos e podemos dar nós unha opinión ao respecto despois de termos visto puntos de vista tan dispares.

En primeiro lugar recordamos que estivemos analizando un LIC (Serra do Careón) e un Parque Natural, o complexo dunar de Corrubedo. Non son por tanto as mesmas restricións e non teñen os dous a mesma demanda turística, pero dun xeito común, crean problemas a hora de facer uso dos veciños as súas terras.

O caso de Corrubedo quizais nos creou máis impacto xa que tras entrevistas realizadas a membros do concello e  algún veciño moi implicado na causa, vimos que había moitas cousas escondidas para a sociedade. A parte das restricións que se poden facer sobre o terreo en relación á construción de vivendas cun determinado material ou o non cultivo de especies prexudiciais,etc. Non todo é tan sinxelo e non todos fixeron caso destras restricións por os coñecidos “amiguismos políticos”, ademais tampouco se levou a cabo o desenvolvemento de agricultura ecolóxica como se prometera.

Outras opinións tamén pensan que creou tanto conflito porque isto lle prohibiu quitar beneficio económico. Pódese dicir que esta e unha área turística, pero de turismo diario, a xente desprázase un día pasea polo complexo dunar e marcha, sen deixar ningún beneficio na zona. Co cal nin usan as súas terras nin sacan beneficio diso. Corrubedo garda unha enorme complexidade social e territorial dentro do que parece apenas un parque con praias e dunas.

No caso do Careón, non houbo tantos conflitos como en Corrubedo, excepto polo conflito na construción da autovía que une Santiago- Lugo, que nun principio ía pasar por unha zona onde tería máis impacto, pero aparentemente conseguiu desviarse. Algúns veciños quéixanse de que non poden plantar ou limpar o monte, pero polo demais non se ven os ánimos tan tensos. O Careón é un espazo menos complexo ca Corrubedo; non hai tensións e as queixas son limitadas, por outra banda, hai que ter en conta que aquí a presión sobre o solo e a afluencia turística son moito menores.

Como opinión propia, pensamos que a instauración destes espazos protexidos está ben para o coidado de certas áreas de interese , para súa conservación. Pero pensamos que non hai unha concienciación social con respecto a estes temas. A Xunta declara estes espazos pero non leva a cabo a xestión adecuada sobre eles, e ademais non cumpre as expectativas da poboación que perde os seus terreos e non saca ningún beneficio diso.

Por outra parte tamén creemos que a poboación, aínda que tivera estas terras, sobre todo no caso da costa, non quererían cultivar a terra, senón vender as súas terras a unha construtora e facer millóns para este tipo de urbanizacións fora da legalidade ambiental.

O espazo é o escenario de intereses, así xorden conflitos, controversia social e todo iso vese retroalimentado ao proxectarse no propio espazo. Isto, nalgúns espazos naturais, elévase ao expoñente.

Moitas grazas por seguirnos e participar!

O Grupo Erysan

17 de janeiro de 2013

Erysan falou da súa experiencia na USC

No pasado mes de decembro, Erysan tivo a oportunidade de expoñer a súa experiencia para outros grupos de investigación na Universidade de Santiago de Compostela. Aquí vos deixamos un video no que aparece un fragmento da intervención de Adriana Rodríguez e Mateo Varela, que falaron despois de Manuel R. López, Aníbal Mejuto e Begoña Pose, quen gravou este fragmento.


O Grupo Erysan

15 de janeiro de 2013

Unha visita aos veciños do Careón


 
Unha tarde do mes de Novembro realizamos una visita polo LIC da Serra do Careón, en especial por aquelas aldeas que se sitúan no seu corazón, para coñecer de primeira man o que pensa a xente que alí vive.

A primeira parada foi na aldea de Vilouriz, onde unha señora saíu da casa ao vernos e nos atendeu moi amablemente. Ela, en primeira persoa, pouca información nos puido proporcionar, xa que non conta con terreos dentro do LIC, e polo tanto non se ve moi afectada. Para ela, a protección da zona parécelle ben, pero non comprende que non se poida limpar ou facer plantacións na túa leira, pero si instalar un parque eólico.

Ela mesma, que preferiu manterse no anonimato, contounos cousas que lle sucederan a veciños que si estaban afectados.

Por exemplo, unha das prohibicións e limitacións máis criticada polos veciños é a de que non se poden levar a cabo as actividades que desexen nas súas leiras, como plantar, talar ou mesmo limpar a leña. Apunta que por mor diso se producen os numerosos incendios de cada verán, xa que hai unha enorme maleza nos montes.

Puidemos falar con outras dúas veciñas, que nos comentaron esta problemática dende outro punto de vista, xa que elas si que están afectadas directamente, pero basicamente quéixanse das mesmas limitacións comentadas anteriormente.

Por;

Aníbal Mejuto

Begoña Pose

 

13 de janeiro de 2013

"Espazos protexido si pero non nas miñas fincas"


A Rede Natura 2000 é unha rede ecolóxica de áreas de conservación da biodiversidade dentro da UE. Con isto o que se busca é a supervivencia a longo prazo de especies e entornos ameazados ou cunha paisaxe singular. Polo que describimos é unha boa ferramenta para protexer e mitigar o dano provocado polo ser humano en certos lugares, pero beneficia a todos por igual?
A proclamación dun espazo como Rede Natura conleva a unha serie de restricións en canto ás actividades, que por un lado está ben pero polo outro non tanto. Con isto quérome referir a que moitas persoas con propiedades en terreos que pasaron a ser Rede Natura viron como as actividades se limitaban ou incluso se lles prohibían, como a utilización de maquinaria para limpar o monte.
Desta maneira, todos estes propietarios acabaran ou acabaron xa de abandonar as propiedades o que conleva a un maior perigo de incendios.
Non todo é limitacións de actividades, que por unha parte están ben feitas, como pode ser a construción de inmobles ou infraestruturas, tamén se pode ver a mala xestión por parte das autoridades. Con isto refírome a que se prohiben moitas actividades pero á hora de facer un parque eólico, unha minicentral, unha autoestrada ou o tren de alta velocidade non haxa trabas, de aí a enorme confusión por parte dos veciños.
A Rede Natura é unha ferramenta en potencia, xa que pode ser unha boa maneira de planificar e ordenar o territorio de Galiza, pero sen que haxa un plan de xestión ben elaborado e que sexa coñecido por todos, seguiremos sen sacarlle partida a esta boa ferramenta que tanto quebradeiros de cabeza está a causar os propietarios de terras. 

Por;

Mateo Varela Cornado