12 de dezembro de 2012

Mentiras, favoritismos e mala xestión


O pasado mes de novembro reunímonos con Fco. Javier Crugeiras Sampedro, de 45 anos, profesor de informática e técnico de mantemento de empresas, o cal se interesou na Historia Local do concello de Ribeira, sendo así colaborador de varios libros sobre a historia da zona. Residiu na parroquia de Carreira, neste municipio toda a vida e investigou nos eidos da problemática que supuxo o Parque Natural a través de diversos arquivos e documentación así como co contacto directo cos veciños. Nun bar próximo á praia do Vilar, dentro do propio parque, nun entorno deserto nesta época do ano, mais ateigado de turistas no período estival, concedeunos unha entrevista.

Imaxe da zona de Corrubedo e a Lagoa de Carregal; 1956- 2007 (Fontes: IET, Google Earth)

Podería valorarnos o Parque Natural nun contexto amplo?

A idea de protexer era boa, pero aquí á xente “vendéronlle a moto”. Faláronlles de ecoloxismo, de que se ían converter en produtores dunha agricultura ecolóxica, de que ían ter protexidos os seus intereses, e múltiples beneficios para eles. O ambiente inicial por parte dos veciños/propietarios era de desconfianza xeral, o que ocorreu foi que a protección o que fixo foi impedir: manter limpos os accesos, reformar peches, muros, que os animais pastasen libremente polo parque, cada vez foise impedindo máis; as competencias de limpeza pasaron aos xestores do Parque, mais estes nunca chegaron a executalas de xeito correcto.

Que consecuencias tivo este descoido do Parque?

A Consecuencia foi que a maleza se fixo con este espazo e isto e algo que levaba sen ocorrer desde tempos inmemorábeis. Deste xeito, a maleza fíxose cos regatos que abastecían as lagoas e estes obstruíronse, o que se traduce nun progresiva futura desaparición das lagoas que a vez tamén son colonizadas pola vexetación, principalmente o carrizo de xeito incontrolado, pois fai anos, o carrizo existía, pero apañábase tódolos anos en grande cantidade. Compre sinalar que o feito de que se deixen de limpar e traballar as terras entra tamén dentro dun contexto social de abandono das actividades tradicionais, máis ponse de manifesto que a prohibición agravou este feito. Alén disto non se executan as axudas económicas prometidas para paliar os efectos das desfeitas producidas polo xabaril.Para iso prometéranse indemnizacións que os veciños nunca percibiron.

Que medidas se tomaron por parte da veciñanza en contestación a esta situación?

Mandáronse escritos o Parlamento e ao Congreso dos Deputados sendo sempre ignoradas por parte de todos os gobernos que se sucederon no poder autonómico e estatal. Incluso na chegada do goberno do bipartito moitos tiñan a esperanza de que se tomasen medidas para unha mellor xestión para o Parque e os veciños, pero a realidade foi que a xestión incluso empeorou: nesa época metéronse pasarelas en zonas innecesarias onde había carreiros e corredoiras; houbo un gran incendio e non se levou a cabo ningunha operación de rexeneración, quedou todo peor do que estaba.
O veciños viven continuamente nunha estirpe de enfrontamento coa administración. Algunhas veces apareceron noticias nos medios falando de inversións no Parque que xamais se viron realmente reflectidas, agás en adornos, nunca en medidas de protección e conservación deste espazo ou intereses dos propietarios. Tense constancia de diversos estudos de deterioro que poñían de manifesto esta grave situación, estudos que sempre se levaron o “caixón da censura”.

Estamos a ver que existe unha dualidade de protección e descoido por parte da Administración, pero a postura dos ecoloxistas e unha petición de maior protección, que opina disto?

Para comezar aquí non abundan tanto as especies que se di que hai, moitas delas desapareceron ou mermaron no seu número. Antes na lagoa había peixes, anguías, aves e incluso lontras, pero o seu deterioro fixo que desaparecesen case que por completo. Aos ecoloxistas o que lles interesa é protexer das persoas, que non haxa presión humana, que non se masifique, e de feito a praia masifícase: o reclamo do Parque Natural tradúcese en turismo masivo de praia.

Esta situación causou a división entre os veciños?

Existe xente contenta co Parque, moi pouca, por exemplo os que teñen algo que permita sacar proveito disto están contentos pola xente que se achega o lugar, pero son unha minoría. A división non ven de aí: antes había moita unión, pero especialmente polos favoritismos políticos, que os houbo, os hai, e son visíbeis, produciuse unha división veciñal e empeorou o ambiente social da zona.

Entón a protección non afectou igual a todos?

Posibelmente non, e xa non só a nivel particular, xa que no contexto de protección non se deixaron de facer ben próximas ó Parque Natural certas fábricas conserveiras e de procesado, ou unha depuradora que verte residuos a un rego que vai ó Carregal, e hai proxectada outra depuradora no extremo sur do mesmo. Alén diso queríase facer un polígono industrial nas inmediacións do Parque coas consecuencias que isto traería. Inda así, quedaron esas factorías, unha fonte de traballo necesaria por suposto, pero tamen xeradoras de residuos mal tratados que chegan a acabar no entorno do parque.

Cre que de non terse protexido a presión turística, e polo tanto, urbanística tería degradado a zona?

Posibelmente non moito, xa que este non é un sitio punteiro no que a destino vacacional ou turístico se refire, mais ca nada polo pouco empuxe que sempre tivo, hai que ter en conta que esta zona está sometida a fortes temporais de vento,moita humidade, é unha zona moi salvaxe, moi bonita, pero fáltalle ese empuxe e infraestruturas que hai noutras zonas de Galicia como as Rías Baixas. Si que e certo que tal vez certas zonas do Parque máis agradables para a vida poderían ter sido masificadas. Quizais esa sexa a vantaxe que trouxo a protección, evitar a especulación ademais de que evitase a continua extracción de area.

Que propón para que esta situación mellore?

Estou a favor do Parque, pero os xestores deberían asumir e executar todas as responsabilidades: levar a cabo as limpezas, conservar de forma eficiente o medio, unhas restricións equitativas e razoábeis, maior vixilancia, colaboración cos propietarios, posta en valor dos restos arqueolóxicos, e sobre todo, limitar a masificación turística no verán,etc.

Que opinades da situación que nos manifesta Fco. Javier?

Por;

Begoña Pose

Manuel Ramiro López

1 comentário:

  1. Páxina web onde se aporta algunha información sobre a parroquia de San Paio de Carreira, na cal reside o entrevistado
    http://carreira.info/

    ResponderEliminar