29 de dezembro de 2012

"Sen Parque, Corrubedo estaría urbanizado de punta a punta"


Ademais das posturas dun político e dun veciño da zona, pareceunos de interese entrevistar o catedrático de Xeografía Física da USC, Augusto Pérez Alberti, que no seu día formou parte da Xunta Rectora do Parque Natural e que ten unha visión máis obxectiva pero de interese sobre este tipo de espazos.
Augusto Pérez Alberti

Que problemas houbo a hora de elaborar os plans para a protección do Parque Natural de Corrubedo con respecto os veciños?
Eu coñezo Corrubedo, pero non desde o punto de vista dos problemas que trouxo entre a sociedade local. De todas formas penso que en tódolos lugares onde se implanta un espazo natural pola perda de dereitos sobre as terras causa problema, pero o mesmo tempo vense beneficiados. No caso de Corrubedo, por exemplo, aínda que non fora Parque Natural por cuestións lexislativas non poderían construír en calquera sitio. Iso si, no Parque Natural a normativa é máis restritiva.  Neste espazo, por exemplo, hai subvencións para a construción de muros, para adaptar as casas a unhas a características …

A xente sentiuse enganada polo que en principio os ía beneficiar, pero á hora da verdade víronse limitados para manter as súas terras limpas, provocando así a obstrución dos regos e a desecación das lagoas. Que opina?
Aí si que hai un conflito, creo que nese caso se poden referir a lagoa de Vixán. Aí hai un dilema sen resolver porque mentres uns opinan que se debe limpar a lagoa para que siga funcionando como tal, outros defenden deixar que actúe a dinámica natural e quede unha zona húmida e a lagoa desapareza. Eu, persoalmente creo que debe seguir unha dinámica natural, pero non é menos certo que os veciños antes cortaban o carrizo porque lles fai falta para outras actividades, pero hoxe en día dubido que agora lle interese a alguén limpar iso.
Realmente penso que o único que lles molestou os veciños foi non poder utilizar os solares do parque para construír, non hai que esquecer que a zona do Vilar é un lugar apetecible para facer urbanizacións.

Moitos veciños pensan que o Parque os prexudicou a eles e motivou a chegada de xente de fora a visitar o Parque. Que cre?
Realmente penso que si os beneficia, a xente que se despraza alí busca onde comer e deixa diñeiro na zona. Ademais, insisto, cando estaba alí había axudas, non sei neste momento pola crise na que estamos... Penso, que é certo, a xente pode sentirse defraudada, pero tamén penso que non hai unhas políticas da administración adecuadas, eles mesmos non cren nisto.
No meu caso concreto, podo dicir, que no goberno do bipartito nos reuníamos cada seis meses, no goberno vixente,  non sucedeu nunca. Non hai unha política ambiental realmente preocupada no tema.

Entón non hai unha política activa?
Non o creo, non actúan como deberían. Porén, Corrubedo si que se viu beneficiado, coma todos os Parques Naturais españois, directa ou indirectamente. Perde porque non se pode construír, pero gaña porque se crea unha marca, “Corrubedo” , a xente vai alí. Fai 20 anos alí non ía ninguén.

Pero a chegada masiva de turistas non degrada  a duna?, sobre todo antes que se podía subir a ela?
Claro que degrada a duna, pero podes atraer moitas actividades de tipo ambiental, hai tres praias … pero tampouco se di que aquí se permiten cousas que noutros lugares non; no medio do Parque hai unha canteira, o cal non é nada positivo para o espazo. E no entorno do Parque está a zona de Couso que está moi degradada por piscifactorías. Penso que non hai unha planificación racional do sistema.

Tanto funcionarios como veciños pensan que o Parque está dividido entre as dunas e as lagoas e a proposta era construír pasarelas por dentro para facer rutas de sendeirismo, como ve isto?
Facer un enlace directo sería prexudicar a marisma. Poderíase facer un paseo polo borde pero nunca polo medio, xa que costaría moito diñeiro e sería un forte impacto para a zona. Polo borde si que podería ser positivo xa que se aproveitarían camiños xa existentes e só e cuestións de limpalos.
É complicado, había que combinar unha boa xestión con conservación. Pero o tema dos veciños e máis complexo, porque eles poden seguir cultivando, eu creo que, aínda que eles non o digan, o que querían é que as súas terras fosen solares.
Por outra parte, tamén creo que hai zonas edificadas que están no limite do Parque e, tendo en conta o manto eólico, deberíase manter máis distancia.

Outra queixa dos veciños é que se repoboou a zona con animais, como o xabarís e que isto afectou gravemente os cultivos...
Iso é unha lenda urbana, hoxe en día xabarís hai moitos, dubido moito que os botaran alí. Pero aínda si, se sucede algún imprevisto, os veciños reciben subvencións para os danos ocasionados.

Entón pensa que está ben protexer pero que falla a xestión?
Créanse Parques pero non se cre nisto. De todas formas, sigo defendendo, que a creación de Parques Naturais é beneficiosa para as zonas nas que se fai, especialmente nas zonas máis deprimidas.

Como ve este espazo dentro de 50 anos?
Se non fose Parque xa estaría totalmente degradado, xa non existiría. Sen Parque, as casas estarían na beira da duna, estaría urbanizado de punta a punta.

E vós, que credes deste outro punto de vista?

Por;

Begoña Pose

Aníbal Mejuto

Adriana Rodríguez 

Manuel Ramiro López

.

17 de dezembro de 2012

"Necesitamos un Plan de Ordenación de Recursos Naturais adaptado á zona"


Fai un par de semanas, Ánxeles Vázquez Mejuto (PP), alcaldesa de Melide,  concello con amplas zonas de LIC Serra d´O Careón, concedeunos unha entrevista para falarmos acerca do tema. Recibiunos no propio despacho da alcaldía, cunha actitude moi activa á hora de falar do tema.
Ánxeles Vázquez Mejuto
A Protección neste espazo, mellorou ou privou de realizar infraestruturas no LIC?

A falta de coñecemento non exime de responsabilidades, ben é certo que estamos nunha zona rural, co cal, cometéronse certas accións e non se pediron os permisos pertinentes, o que supuxo que houbese multas que eu entendín que son descomunais. Agora estase dando a información precisa e entendemos que o desenvolvemento rural da zona é compatible, aínda que sexa de forma tradicional, co que é a conservación, neste sentido, eu creo que se está a realizar un bo traballo dende a Consellaría, en concreto entre Medio Rural e Medio Ambiente, porque xa saíu publicada a normativa que, de aquí a un tempo, rexerá esta zona e é moito máis flexible e ademais tamén da “as armas precisas” para podermos actuar desde o concello e tamén desde as consellarías, porque eu creo que había moitas lagoas na lei no que a estas zonas se refire.

Cal foi a reacción dos veciños ao se declarar este espazo como protexido?

Creo que non houbo reacción porque non houbo información. A reacción veu a posteriori; cando a unha persoa lle esixes moito, a reacción non é boa, claramente. Ben é certo que agora mesmo estase a realizar por exemplo plantacións de arandos, e son conscientes de que o teñen que facer de xeito tradicional, que a vexetación autóctona ten que estar… etc. Nese sentido vaise aceptando, pero creo que tiñamos que ser moito máis áxiles dende a administración.

Cre que hoxe, 20 anos despois, variou a opinión sobre o LIC?

Procura dárselles información, pero ben é certo que o que ten a propiedade nun LIC non está contento nen agusto con esa propiedade; porque non pode facer as roturacións cando quere, non pode facer as plantacións cando quere e non se lle permiten certas plantacións… Os veciños en si non están a gusto. É certo que desde a administración temos que apoiar que estas zonas se conserven, pero para iso a lei te que estar clara. Por outra banda, creo que concellos como Melide ou Toques que temos amplas zonas de LIC, teriamos que recibir outro tipo de axudas para facerlles a vida máis doada aos veciños afectados, e iso non é así; hai unhas partidas e repártense entre toda Galicia. Non é lóxico, non ten sentido.

Dentro do espazo protexido levouse a cabo o levantamento dun parque eólico, que opina disto?

Máis que a miña opinión, un alcalde ten que reproducir a opinión dos veciños, e os veciños non entenden nada: por qué se deixa poñer un parque eólico e non se deixa, por exemplo, desbrozar un terreo para poñelo a prado con herba do país?. É ilóxico.

Prevese o paso da A-54, autovía entre Compostela e Lugo, polo propio LIC, que lle parece isto?

Esa foi unha loita que eu tiven, entando anteriormente na alcaldía, logo na oposición e ben, agora mesmo está resolto. A lei di que se pode compatibilizar o desenvolvemento dunha vía de comunicación cunha zona en protección, sempre e cando se cumpran unha serie de parámetros en canto a ruido, estética, túneles… O lugar por onde estaba previsto anteriormente, por onde as Torrentes de Mácara, entendo que é dun valor paisaxístico moito maior ca o das zonas por onde finalmente vai pasar, así se lle fixo entender aos técnicos, que o entenderon favorablemente, e a autovía vai pasar por unha zona LIC pero cun proxecto moi exhaustivo que nada ten que ver con outros proxectos de autovías que non pasan pro zonas LIC.

Estamos a ver que aparentemente é compatíbel o desenvolvemento de proxectos como a A-54 coa protección, pero, de cara ao futuro, como ve a zona, dentro de varias décadas, mellor conservada, igual…?

Eu creo, de cara ao futuro, que para que se conserve como s emerece unha zona LIC, ten que haber Plans de Ordenación de Recursos Naturais (PORN); non podemos poñer amplas, enormes zonas como protexidas para logo non ter un control. Falamos da fauna e falamos da flora; eu estou convencida de que esa é unha zona na que hai incendios cada pouco tempo por mor de que non se fan os desbroces pertinentes e non hai o coidado que debería de haber. Entón, eu é o que proporía para poder conservar a zona con lóxica, porque non ten lóxica que se declarase fai 20 anos un LIC e non se volvese facer nada ao respecto ainda que se estea “adulterando” todo. Entón eu creo que hai que facer PORNs e adaptalos a zonas concretas.

Relacionado coa investigación paralela que desenvolvemos en Corrubedo, e co que algunha xente nos dixo, cre que o descoido está directamente relacionado con que a protección impide facer cousas e fai que a terra non aporte nada?

Claro; hai un abandono porque cada vez que alguén quere algo, a administración seguimos a ser moi lenta e a xente ten que facer un doble esforzo; pedir o informe, levalo aquí ou alí, esperar… Entón, chega un momento que non se obtén beneficio: o esforzo vóvese tan grande que supón o abandono, o cal se transforma en brezales enormes que acaban en incendios, e claro, despois coa lei de incendios, creo que durante cinco anos iso é intocable! Entón así, temos un círculo vicioso. Eu estiven lendo as propostas que hai para rexer os LICs, e é certo que abren un pouco certas posibilidades… pero a xente ten que ter información e débense axilizar os trámites. E logo hai ver que zonas xa non serven para ser protexidas, porque xa non teñen interese, degradáronse, non hai santolinas melidensis en todas partes. Alí onde haxa a santolina deberíase facer unha zona de protección exhaustiva, e o resto deberíase procurar o seu desenvolvemento aínda que se lle puxesen parámetros a seguir.

O LIC vese como unha atracción turística apra o concello?

Para nada. É un traballo que desde as administracións temos que facer, pero como vai ter atracción sen sinalización, sen carteis que te informen do que podes ver…? É dicir: é un todo que non é nada.

Pero por exemplo, en Corrubedo, algunha xente queixouse de que as únicas inversións eran en carteis e sinais…

Xa, pois aquí ningunha inversión. O único que temos os concellos de zona LIC é unha orde de subvencións de 20.000 euros, que non é nada, para realizar actuacións de acondicionamento de camiños, necesarias, e que por encima están moi limitadas –teñen qe ser en zaorra, non poden ser con asfaltos normais… etc- e cada vez que hai que facer algo os trámites son lentos. É dicir; só hai esa inversión reducida para acometer absolutamente todo… Eu recalco que é necesario o PORN no que estea absolutamente todo estipulado.

Estades de acordo coa alcaldesa? Que vos parece a súa opinión?

Por;

Adriana Rodríguez

Mateo Varela

Manuel Ramiro López

16 de dezembro de 2012

Políticos, veciños … son intereses económicos ou realmente lle preocupa a conservación do Parque Natural?


Durante estas dúas semanas fóronse publicando diferentes entrevistas desde distintos puntos de vista sobre a Declaración como Parque Natural de Corrubedo. Desta forma comezamos esta investigación coa entrevista a concelleiros que  prefiren manterse no anonimato e que pensan que a declaración do espazo como Parque Natural mellorou a súa protección o restrinxir certas actividades como a extracción de area para construír, pero tamén recoñecen que os veciños non están de acordo con algunhas prohibicións nas súas propiedades. Por isto cren conveniente a elaboración dun plan onde se establezan con claridade os usos do solo.
A posición do alcalde é moi similar xa que tamén considera necesario a elaboración dun plan reitor para que os veciños non teñan dúbidas sobre os usos que poden facer nas súas terras, xa non so por estar dentro do Parque, senón porque estamos nunha área costeira. Outro factor que recalca o concello e o desenvolvemento económico, se se dinamiza o Parque pódese manter a súa conservación, e por tanto podería mellorar a posición dos veciños se puidesen sacar beneficio económico.
Cando se fixo a entrevista pola aldea de Olveira, pese a negación dalgúns veciños a falar connosco, outros que si o fixeron déronnos a súa visión canto a limitación nas súas terras que agora xa non teñen valor ningún.
Porén, a entrevista máis reveladora, e a dun veciño da parroquia de Carreira o cal estudou con profundidade,sobre todo nesta  parroquia, os efectos que tivo esta declaración como Parque. Este apórtanos datos curiosos, onde a labor da administración non foi tan clara como se pretendeu dicirnos cando realizarmos as entrevistas. Nin se recibiron as súas subvencións na maioría dos casos, nin se levaron a cabo desenvolvementos de agricultura ecolóxica e, incluso, viron limitada a posibilidade de facer vivendas nas súas terras cando as parcelas veciñas si estaban construídas, casualmente, por ser “amigos” dalgún membro do concello.

Quen ten razón?  se estas limitacións non fosen así , credes que as terras seguirían mantendo usos agrarios? Pensades que os veciños o único que lle interesa e a perda do valor económico das súas propiedades? Seguiría existindo este espazo como tal senón se levase a cabo esta protección e conservación?
Multitude de preguntas que estaremos agradecidos que poidades responder e dar as vosas opinións.

Por;

Begoña Pose

12 de dezembro de 2012

Mentiras, favoritismos e mala xestión


O pasado mes de novembro reunímonos con Fco. Javier Crugeiras Sampedro, de 45 anos, profesor de informática e técnico de mantemento de empresas, o cal se interesou na Historia Local do concello de Ribeira, sendo así colaborador de varios libros sobre a historia da zona. Residiu na parroquia de Carreira, neste municipio toda a vida e investigou nos eidos da problemática que supuxo o Parque Natural a través de diversos arquivos e documentación así como co contacto directo cos veciños. Nun bar próximo á praia do Vilar, dentro do propio parque, nun entorno deserto nesta época do ano, mais ateigado de turistas no período estival, concedeunos unha entrevista.

Imaxe da zona de Corrubedo e a Lagoa de Carregal; 1956- 2007 (Fontes: IET, Google Earth)

Podería valorarnos o Parque Natural nun contexto amplo?

A idea de protexer era boa, pero aquí á xente “vendéronlle a moto”. Faláronlles de ecoloxismo, de que se ían converter en produtores dunha agricultura ecolóxica, de que ían ter protexidos os seus intereses, e múltiples beneficios para eles. O ambiente inicial por parte dos veciños/propietarios era de desconfianza xeral, o que ocorreu foi que a protección o que fixo foi impedir: manter limpos os accesos, reformar peches, muros, que os animais pastasen libremente polo parque, cada vez foise impedindo máis; as competencias de limpeza pasaron aos xestores do Parque, mais estes nunca chegaron a executalas de xeito correcto.

Que consecuencias tivo este descoido do Parque?

A Consecuencia foi que a maleza se fixo con este espazo e isto e algo que levaba sen ocorrer desde tempos inmemorábeis. Deste xeito, a maleza fíxose cos regatos que abastecían as lagoas e estes obstruíronse, o que se traduce nun progresiva futura desaparición das lagoas que a vez tamén son colonizadas pola vexetación, principalmente o carrizo de xeito incontrolado, pois fai anos, o carrizo existía, pero apañábase tódolos anos en grande cantidade. Compre sinalar que o feito de que se deixen de limpar e traballar as terras entra tamén dentro dun contexto social de abandono das actividades tradicionais, máis ponse de manifesto que a prohibición agravou este feito. Alén disto non se executan as axudas económicas prometidas para paliar os efectos das desfeitas producidas polo xabaril.Para iso prometéranse indemnizacións que os veciños nunca percibiron.

Que medidas se tomaron por parte da veciñanza en contestación a esta situación?

Mandáronse escritos o Parlamento e ao Congreso dos Deputados sendo sempre ignoradas por parte de todos os gobernos que se sucederon no poder autonómico e estatal. Incluso na chegada do goberno do bipartito moitos tiñan a esperanza de que se tomasen medidas para unha mellor xestión para o Parque e os veciños, pero a realidade foi que a xestión incluso empeorou: nesa época metéronse pasarelas en zonas innecesarias onde había carreiros e corredoiras; houbo un gran incendio e non se levou a cabo ningunha operación de rexeneración, quedou todo peor do que estaba.
O veciños viven continuamente nunha estirpe de enfrontamento coa administración. Algunhas veces apareceron noticias nos medios falando de inversións no Parque que xamais se viron realmente reflectidas, agás en adornos, nunca en medidas de protección e conservación deste espazo ou intereses dos propietarios. Tense constancia de diversos estudos de deterioro que poñían de manifesto esta grave situación, estudos que sempre se levaron o “caixón da censura”.

Estamos a ver que existe unha dualidade de protección e descoido por parte da Administración, pero a postura dos ecoloxistas e unha petición de maior protección, que opina disto?

Para comezar aquí non abundan tanto as especies que se di que hai, moitas delas desapareceron ou mermaron no seu número. Antes na lagoa había peixes, anguías, aves e incluso lontras, pero o seu deterioro fixo que desaparecesen case que por completo. Aos ecoloxistas o que lles interesa é protexer das persoas, que non haxa presión humana, que non se masifique, e de feito a praia masifícase: o reclamo do Parque Natural tradúcese en turismo masivo de praia.

Esta situación causou a división entre os veciños?

Existe xente contenta co Parque, moi pouca, por exemplo os que teñen algo que permita sacar proveito disto están contentos pola xente que se achega o lugar, pero son unha minoría. A división non ven de aí: antes había moita unión, pero especialmente polos favoritismos políticos, que os houbo, os hai, e son visíbeis, produciuse unha división veciñal e empeorou o ambiente social da zona.

Entón a protección non afectou igual a todos?

Posibelmente non, e xa non só a nivel particular, xa que no contexto de protección non se deixaron de facer ben próximas ó Parque Natural certas fábricas conserveiras e de procesado, ou unha depuradora que verte residuos a un rego que vai ó Carregal, e hai proxectada outra depuradora no extremo sur do mesmo. Alén diso queríase facer un polígono industrial nas inmediacións do Parque coas consecuencias que isto traería. Inda así, quedaron esas factorías, unha fonte de traballo necesaria por suposto, pero tamen xeradoras de residuos mal tratados que chegan a acabar no entorno do parque.

Cre que de non terse protexido a presión turística, e polo tanto, urbanística tería degradado a zona?

Posibelmente non moito, xa que este non é un sitio punteiro no que a destino vacacional ou turístico se refire, mais ca nada polo pouco empuxe que sempre tivo, hai que ter en conta que esta zona está sometida a fortes temporais de vento,moita humidade, é unha zona moi salvaxe, moi bonita, pero fáltalle ese empuxe e infraestruturas que hai noutras zonas de Galicia como as Rías Baixas. Si que e certo que tal vez certas zonas do Parque máis agradables para a vida poderían ter sido masificadas. Quizais esa sexa a vantaxe que trouxo a protección, evitar a especulación ademais de que evitase a continua extracción de area.

Que propón para que esta situación mellore?

Estou a favor do Parque, pero os xestores deberían asumir e executar todas as responsabilidades: levar a cabo as limpezas, conservar de forma eficiente o medio, unhas restricións equitativas e razoábeis, maior vixilancia, colaboración cos propietarios, posta en valor dos restos arqueolóxicos, e sobre todo, limitar a masificación turística no verán,etc.

Que opinades da situación que nos manifesta Fco. Javier?

Por;

Begoña Pose

Manuel Ramiro López

7 de dezembro de 2012

Entrevista ó alcalde de Ribeira. Cal será a súa postura?


O luns, 19 de novembro de 2012, reuininme co alcalde de Ribeira (PP), Manuel Ruíz, na casa consistorial para coñecer a súa visión e opinión sobre Corrubedo.
 
 
Manuel Ruíz, alcalde de Ribeira

Cree que as medidas tomadas para a conservación do Parque de Corrubedo son moi restritivas ou poderíase ampliar os usos do solo dentro do Parque?

En xeral non o creo, na miña opinión en algunhas zonas si se poderían levar a cabo actividades tradicionais, como actividades agrícolas . Pero en xeral, estas medidas si son necesarias. Pero de todos xeitos, creo que se debería elaborar un Pan Rector ou de usos, para que os veciños xa non teña dúbidas sobre o que se pode facer neste espazo e os conflitos mingúen. Ademais sería interesante que eses 300.000 visitantes que se acercan ó parque puidesen deixar algo nel. 

A declaración como Parque Natural deste espazo, cre que contribuíu realmente para a súa conservación?

En conxunto, si contribuíu a súa conservación, e en particular, pola saca de area que se daba na Gran Duna antes da declaración deste espazo, aínda que na miña opinión o acceso a Duna impedía o seu deterioro. Pero ó mesmo tempo, e imposible que coides algo se non ten unha vertente social, porque nese caso abandonase, de aí que na miña opinión a Duna debe ser visitada pero con control.

Cre que as medidas prometidas ós veciños se levan a cabo realmente a cabo?

É cuestionable que todas as medidas sexan levadas a cabo, dado que estas son multitudinarias e na actual situación imaxino que o orzamento non será moi elevado e nunca se poden cumprir todas

Sería necesaria unha ampliación do Parque?

Ampliar o Parque como tal non, pero xa se están levando a cabo medidas de protección cono o ZEPA ou LIC que se estenden ata o municipio de Porto do Son. E si estaría de acoro con protexer outras zonas pero non necesariamente pegadas ó Parque.

Cree que a opinión pública mellorou dende a declaración deste espazo en 1992?

Houbo unha gran problemática social, que aínda chega ata os nosos días a causa de que a concepción das terras muda, dende o momento da declaración do Parque Natural, os veciños son conscientes de que as leiras son diferentes. Pero non mudaron a concepción de que o Parque non aporta riqueza, o que xera un inconveniente.

Como ve o Parque dentro de 50 anos?

Sería preciso medidas para valorizar a economía do Parque pero mantendo valores naturais. Na miña opinión, se non se consegue dinamizar a economía neste espazo dificilmente se vai a conservar, poderíanse por exemplo realizar Rutas a Cabalo ou diversas rutas de sendeirismo para manter unido o Parque. Por tanto a economía é un dos motores do concello e se isto se fomenta, o Parque estará ben conservado.

En síntese que opinión ten do Parque?

A declaración de Parque, mudou a conservación do mesmo así como a opinión da poboación que reside tanto no propio Parque como en áreas próximas  do que é realmente protexer recursos naturais.

A raíz disto, dáse un importante movemento de persoas, pero falta remítome de novo ó pouco desenvolvemento da economía na zona, pois os visitantes, deberían poder acceder a servizos impulsados polos veciños o que lles permita sacar beneficio.
 
Por; Adriana Rodríguez

5 de dezembro de 2012

Un paseo por Olveira


Era venres, 16 de novembro de 2012, orballaba e batía un vento fresco. Tras termos visitado a Gran Duna, saímos dar un paseo pola zona de Olveira para falar cos veciños.

A Gran Duna Móbil, o día que a visitamos (Fotógrafo: Aníbal Mejuto)

Unha muller, que camiñaba pola beira da estrada principal, mirounos intrigada, ao lle dicir se podiamos facer algunha preguntas sobre o Parque, a muller rexeitou falar con nós, alegando unha repentina présa.

Non había case ninguén por fóra; decidimos  chamar á porta nunha casa, unha muller amábel, que preferiu o anonimato, contounos que a ela en concreto o Parque  lle parece ben, pero que prohibían moitas cousas: "eu non podo nin ir pasear co can, nin que preso o leve, non podo!", tamén lle preguntamos polos seus veciños: "eu non entendo é que nin unha casiña deixen facer, alí atrás da miña casa levaron a luz, a auga, todo!, e paráronlle unha obra". Agradecemos á muller que nos conte cousas e marchamos daquela casa rodeada de altos muros do pé da estrada principal.
A zona de Olveira
 
Xa nunha pista secundaria, nunha casa ben diferente de planta baixa e sen muro nin xardín, atendeunos un home de mediana idade: "hoxe en día, ter terras aquí non ten nada de positivo, métense en todo, non nos deixan pisar en ningún sitio, nin levantar unha cerca ao noso gusto… é bo para os turistas, a eles nunca se lles di nada, aquí veñen de fóra, dinnos o que temos que facer..., e eu só sei que nos tocou a nós, noutras zonas da costa están como lles da a gana e teñen turismo igual, mirade Sanxenxo, por exemplo” quéixase, mais de xeito anónimo.

En xeral vimos descontento dos veciños, tamén falta información en certo modo de daren nomes.

E vós, credes que este malestar veciñal está xustificado?

Por; Mateo Varela, Aníbal Mejuto e Manuel Ramiro López

4 de dezembro de 2012

Coloquio cos funcionarios do Concello de Riveira


O venres 23 de novembro, tivemos a oportunidade de falar con varios funcionarios do concello de Riveira e coñecer a postura tanto persoal como a do concello respecto ó parque natural de Corrubedo e os problemas sociais que causou a súa declaración.

Puidemos ver as distintas opinións que hai dentro do mesmo concello.

No que coinciden é que a declaración como parque mellorou a protección do parque, como a limitación de actividades, entre elas a prohibición de acceder en automóbil ou impedir a extracción de áridos. Un dos funcionarios dixo literalmente: “faltaban 800000 ptas para a festa, polo que empezaron a carrexar camións de area 

 En canto ao que nos din sobre a opinión dos veciños, estes están fartos de tantas prohibicións, xa que as medidas son moi excesivas. Tamén é certo que xa tiñan os terreos afectados antes da declaración do parque xa que moitos tiñan as súas propiedades en dominio público (próximas á costa). Aínda que na actualidade os veciños van aceptando pouco a pouco o parque natural, e que tiveron acceso a axudas económicas.

 Tamén tivemos a oportunidade de ver como afectou o turismo á zona. Unha das posturas é que coa declaración como espazo protexido, hai unha maior influencia de turistas, o que causa unha maior degradación, aínda que a influencia dos turistas viuse limitada coa prohibición de subir á duna, algo que é moi cuestionable por parte dun dos funcionarios “Ti chegas á duna,vela e dislle ola!”

 No concello vimos que se opuxeron á construción da piscifactoría, tanto polo seu emprazamento como pola actividade que se ía levar.

 A solución que nos propoñen os funcionarios para os problemas veciñais é a elaboración dun plan rector para desta forma saber os usos do solo e en que sitios se poderían facer.

 Por último, ven o parque natural en 50 anos de distinta maneira, por unha parte hai quen nos di que a duna desaparecerá debido á subida do nivel do mar, outra opinión é que desaparecerá  ou haberá un cambio na mentalidade das persoas en canto á conciencia medioambiental.
 
Cres que as administracións locais se deberían involucrar máis cos veciños?
 

Anibal Mejuto

Adriana Rodriguez

Mateo Varela