O pasado mes de novembro reunímonos con Fco. Javier
Crugeiras Sampedro, de 45 anos, profesor de informática e técnico de mantemento
de empresas, o cal se interesou na Historia Local do concello de Ribeira, sendo
así colaborador de varios libros sobre a historia da zona. Residiu na parroquia
de Carreira, neste municipio toda a vida e investigou nos eidos da problemática
que supuxo o Parque Natural a través de diversos arquivos e documentación así
como co contacto directo cos veciños. Nun bar próximo á praia do Vilar, dentro do propio parque, nun entorno deserto nesta época do ano, mais ateigado de turistas no período estival, concedeunos unha entrevista.
Imaxe da zona de Corrubedo e a Lagoa de Carregal; 1956- 2007 (Fontes: IET, Google Earth)
Podería valorarnos o Parque Natural nun contexto
amplo?
A idea de protexer era boa, pero aquí á xente
“vendéronlle a moto”. Faláronlles de ecoloxismo, de que se ían converter en
produtores dunha agricultura ecolóxica, de que ían ter protexidos os seus
intereses, e múltiples beneficios para eles. O ambiente inicial por parte dos
veciños/propietarios era de desconfianza xeral, o que ocorreu foi que a
protección o que fixo foi impedir: manter limpos os accesos, reformar peches,
muros, que os animais pastasen libremente polo parque, cada vez foise impedindo
máis; as competencias de limpeza pasaron aos xestores do Parque, mais estes
nunca chegaron a executalas de xeito correcto.
Que consecuencias tivo este descoido do Parque?
A Consecuencia foi que a maleza se fixo con este
espazo e isto e algo que levaba sen ocorrer desde tempos inmemorábeis. Deste
xeito, a maleza fíxose cos regatos que abastecían as lagoas e estes
obstruíronse, o que se traduce nun progresiva futura desaparición das lagoas
que a vez tamén son colonizadas pola vexetación, principalmente o carrizo de
xeito incontrolado, pois fai anos, o carrizo existía, pero apañábase tódolos
anos en grande cantidade. Compre sinalar que o feito de que se deixen de limpar
e traballar as terras entra tamén dentro dun contexto social de abandono das
actividades tradicionais, máis ponse de manifesto que a prohibición agravou
este feito. Alén disto non se executan as axudas económicas prometidas para
paliar os efectos das desfeitas producidas polo xabaril.Para iso prometéranse
indemnizacións que os veciños nunca percibiron.
Que medidas se tomaron por parte da veciñanza en
contestación a esta situación?
Mandáronse escritos o Parlamento e ao Congreso dos
Deputados sendo sempre ignoradas por parte de todos os gobernos que se
sucederon no poder autonómico e estatal. Incluso na chegada do goberno do
bipartito moitos tiñan a esperanza de que se tomasen medidas para unha mellor
xestión para o Parque e os veciños, pero a realidade foi que a xestión incluso
empeorou: nesa época metéronse pasarelas en zonas innecesarias onde había
carreiros e corredoiras; houbo un gran incendio e non se levou a cabo ningunha
operación de rexeneración, quedou todo peor do que estaba.
O veciños viven continuamente nunha estirpe de
enfrontamento coa administración. Algunhas veces apareceron noticias nos medios
falando de inversións no Parque que xamais se viron realmente reflectidas, agás
en adornos, nunca en medidas de protección e conservación deste espazo ou
intereses dos propietarios. Tense constancia de diversos estudos de deterioro
que poñían de manifesto esta grave situación, estudos que sempre se levaron o
“caixón da censura”.
Estamos a ver que existe unha dualidade de protección
e descoido por parte da Administración, pero a postura dos ecoloxistas e unha
petición de maior protección, que opina disto?
Para comezar aquí non abundan tanto as especies que se
di que hai, moitas delas desapareceron ou mermaron no seu número. Antes na
lagoa había peixes, anguías, aves e incluso lontras, pero o seu deterioro fixo
que desaparecesen case que por completo. Aos ecoloxistas o que lles interesa é
protexer das persoas, que non haxa presión humana, que non se masifique, e de
feito a praia masifícase: o reclamo do Parque Natural tradúcese en turismo
masivo de praia.
Esta situación causou a división entre os veciños?
Existe xente contenta co Parque, moi pouca, por
exemplo os que teñen algo que permita sacar proveito disto están contentos pola
xente que se achega o lugar, pero son unha minoría. A división non ven de aí:
antes había moita unión, pero especialmente polos favoritismos políticos, que
os houbo, os hai, e son visíbeis, produciuse unha división veciñal e empeorou o
ambiente social da zona.
Entón a protección non afectou igual a todos?
Posibelmente non, e xa non só a nivel particular, xa
que no contexto de protección non se deixaron de facer ben próximas ó Parque
Natural certas fábricas conserveiras e de procesado, ou unha depuradora que
verte residuos a un rego que vai ó Carregal, e hai proxectada outra depuradora
no extremo sur do mesmo. Alén diso queríase facer un polígono industrial nas
inmediacións do Parque coas consecuencias que isto traería. Inda así, quedaron
esas factorías, unha fonte de traballo necesaria por suposto, pero tamen
xeradoras de residuos mal tratados que chegan a acabar no entorno do parque.
Cre que de non terse protexido a presión turística, e
polo tanto, urbanística tería degradado a zona?
Posibelmente non moito, xa que este non é un sitio
punteiro no que a destino vacacional ou turístico se refire, mais ca nada polo
pouco empuxe que sempre tivo, hai que ter en conta que esta zona está sometida
a fortes temporais de vento,moita humidade, é unha zona moi salvaxe, moi
bonita, pero fáltalle ese empuxe e infraestruturas que hai noutras zonas de
Galicia como as Rías Baixas. Si que e certo que tal vez certas zonas do Parque
máis agradables para a vida poderían ter sido masificadas. Quizais esa sexa a
vantaxe que trouxo a protección, evitar a especulación ademais de que evitase a
continua extracción de area.
Que propón para que esta situación mellore?
Estou a favor do Parque, pero os xestores deberían
asumir e executar todas as responsabilidades: levar a cabo as limpezas,
conservar de forma eficiente o medio, unhas restricións equitativas e
razoábeis, maior vixilancia, colaboración cos propietarios, posta en valor dos
restos arqueolóxicos, e sobre todo, limitar a masificación turística no
verán,etc.
Que opinades da situación que nos manifesta Fco. Javier?
Por;
Begoña Pose
Manuel Ramiro López
Páxina web onde se aporta algunha información sobre a parroquia de San Paio de Carreira, na cal reside o entrevistado
ResponderEliminarhttp://carreira.info/